Abre o prazo de solicitudes para o programa 'Concilia Verán'
O programa 'Concilia Verán' é unha iniciativa de atención á infancia que ofrece aos pais e nais a posibilidade de que os seus fillos e fillas ao longo das vacacións de verán poidan optar a esta proposta de conciliación que se pon en marcha dende o Concello de Allariz.
O obxectivo principal deste programa "é o goce no tempo vacacional, dos e das participantes, no que tanto as actividades programadas, como as propostas propicien un ambiente de confianza no que todos e todas poidan vivir unha experiencia enriquecedora fóra o seu entorno cotiá", sinalan desde o Concello. Fomentaranse habilidades, a convivencia , a cooperación, o respecto e promoveranse valores positivos nun entorno lúdico e educativo.
O programa está enfocado aos nenos e nenas de entre tres e dez anos empadroados en Allariz e as solicitudes poderán presentarse dende este martes, 14 de maio, ata o 24 de maio. As actividades desenvolveranse por quincenas entre os meses de xullo e agosto.