Abre o prazo para os artistas que queiran participar na “Semana Santa ao Vivo” de Allariz

O Concello de Allariz abre a convocatoria para participar na edición 2026 da “Semana Santa ao Vivo”, un evento cultural que busca animar as rúas do casco histórico durante as celebracións da Semana Santa. Esta iniciativa está organizada desde a Área de Promoción Económica e pretende ofrecer unha experiencia única tanto aos veciños como aos numerosos visitantes que recibe a localidade nestas datas.
A programación está aberta a diferentes disciplinas artísticas que se poidan desenvolver na rúa, incluíndo estilos musicais variados, danza, maxia, humor ou teatro. A convocatoria está dirixida a solistas ou dúos maiores de idade, tanto afeccionados como semi-profesionais, que conten con entidade xurídica ou social acreditada.
As actuacións seleccionadas realizaranse entre o 2 e o 5 de abril de 2026, en dúas franxas horarias: de 12:00 a 14:00 horas e de 18:00 a 20:00 horas.
O prazo para inscribirse estará aberto desde o 5 ata o 27 de febreiro de 2026 e require realizar dous pasos: o rexistro oficial mediante unha instancia xeral, dispoñible na Sede Electrónica do Concello ou de forma presencial, e o envío do xustificante de rexistro xunto cun formulario cumprimentado e material gráfico e audiovisual (dúas fotos e dous vídeos) ao correo dinamizacioneconomica@allariz.gal
.
A organización valorará as propostas atendendo a criterios de calidade, profesionalidade e pluralidade, e anunciará a selección o 6 de marzo de 2026.
Os artistas seleccionados recibirán unha compensación económica de 200 euros por persoa e día, IVE incluído. Ademais, está prevista unha indemnización de 75 euros por persoa no caso de que as actuacións se suspendan por causas meteorolóxicas ou imprevistos fóra do control da organización.