Abren as inscricións para o programa Concilia Nadal do Concello de Ourense

O Concello de Ourense abre este mércores o prazo de inscrición para o seu programa “Concilia Nadal”, unha iniciativa dirixida a escolares que busca facilitar a conciliación familiar durante as vacacións de Nadal. As actividades desenvolveranse de luns a venres, en horario de 9.00 a 14.00 horas, desde o 22 de decembro ata o 7 de xaneiro, excluíndo os días lectivos.
O programa ofrece diferentes propostas adaptadas ás distintas idades: para os nenos nacidos entre 2020 e 2022 está “Un Nadal de aventuras”, que se realizará no anexo da Escola de Música na rúa da Canle; os escolares nados entre 2014 e 2019 poderán participar en “Aulaponia”, na Aula da Natureza do Río Miño, en Oira; e para os maiores, con idades comprendidas entre 2012 e 2016, preparouse “Espazo makers”, no campus de Ourense.
As actividades teñen como obxectivo fomentar a socialización, promover valores de convivencia e solidariedade, incentivar o traballo en equipo e o respecto polo medio ambiente. Ademais, incorporan contidos baseados en metodoloxías STEAM, como robótica educativa e electrónica, e ofrecen un reforzo educativo adaptado ás necesidades dos participantes.
As inscricións poden realizarse en liña a través da páxina web oficial do Concello ou da súa aplicación móbil. O prazo permanecerá aberto ata o próximo 3 de decembro ás 23:59 horas. A listaxe provisional de admitidos publicarase o 9 de decembro, mentres que a definitiva darase a coñecer o 12 do mesmo mes. A matrícula ten un custo de 10 euros, con desconto do 50% para irmáns.