Acordo na Deputación para pedir ao Goberno central suspender as regras fiscais para aliviar a situación económica dos concellos

OurenseXa
O obxectivo, explican dende a institución provincial, é garantir estabilidade orzamentaria e permitir que os concellos ourensáns destinen os seus fondos a proxectos necesarios
pleno-dep-ourense
26 Sep 2025

O pleno da Deputación de Ourense aprobou este venres unha iniciativa para instar ao Executivo central a conxelar, derrogar ou suspender as regras fiscais que condicionan ás entidades locais. A corporación provincial argumenta que a recuperación destas normas, tras catro anos de suspensión, está a dificultar a xestión económica tanto da propia Deputación como dos concellos, que non poden empregar os seus recursos dispoñibles en investimentos ou novos servizos. A situación vese ademais agravada polas consecuencias dos incendios forestais deste verán.

O acordo inclúe tamén a petición de que tanto a FEMP como a FEGAMP trasladen esta reclamación ao Goberno do Estado, co obxectivo de garantir estabilidade orzamentaria e permitir que os concellos ourensáns destinen os seus fondos a proxectos necesarios.
Na sesión aprobouse igualmente a adhesión a tres convenios de colaboración coa Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático para a xestión de residuos eléctricos e electrónicos, pilas e acumuladores, e envases de vidro dun só uso.

Tamén se deu luz verde á ampliación do prazo de xustificación dos investimentos do Plan CooperOU ata o 28 de novembro, a pequenas modificacións en axudas concedidas a concellos e entidades, e á delegación de competencias de recadación do Concello de Barbadás na Deputación. Ademais, designouse ao deputado socialista Emilio Luis Díaz como novo representante no Consorcio provincial contra Incendios e Salvamento.

Outro dos asuntos aprobados foi a posta en marcha de medidas de control e prevención da calidade da auga nos concellos próximos ao encoro das Conchas, a instancias do PSOE. O pleno instou á Confederación Hidrográfica Miño-Sil e á Xunta a cumprir a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que recoñecía vulneración de dereitos fundamentais pola falta de actuación ante a contaminación provocada pola gandería intensiva no río Limia.

Finalmente, a corporación provincial acordou impulsar un plan para recuperar e manter os tradicionais camiños de carro, co obxectivo de que os concellos dispoñan de recursos suficientes para conservar estas vías históricas que conectaban aldeas e servían de enlace coas principais rutas no rural.

⚙ Configurar cookies
0.066931009292603