Activado o protocolo de actuación pola chegada de partículas en suspensión do norte de África en puntos de Ourense e Vigo

A Xunta de Galicia activou de novo o protocolo de actuación ante os prognósticos dunha intrusión de masas de aire africano que incrementarían as concentracións de partículas PM10 e PM2.5 no territorio galego, concretamente na provincia de Ourense e na zona metropolitana de Vigo, facendo que a calidade do aire empeore polo aumento das concentracións de partículas en suspensión, podendo producir efectos adversos na saúde humana.
Para reducir o seu posible impacto na saúde, dende a Dirección Xeral de Saúde Pública recomendan, ata que este episodio finalice e, sobre todo, no caso da poboación sensible, limitar as actividades ao aire libre, como o exercicio intenso, pechar as portas e fiestras para evitar a entrada de po nos domicilios e usar máscaras e/ou gafas en exteriores.
As recomendacións diríxense especialmente ás persoas con enfermidades pulmonares ou cardiovasculares, principalmente asma ou EPOC, as persoas maiores, nenos, nenas e embarazadas, que poden verse máis afectada pola mala calidade do aire.
O tamaño das partículas, determina o risco do po para a saúde. Destas partículas, as que poden causar efectos nocivos na poboación, son as PM10 de 10 micras ou menores, que producen síntomas como irritación nos ollos, nariz, boca e gorxa. As menores de 2,5 micras (PM2,5), ademais, teñen a capacidade de introducirse nos pulmóns e no torrente sanguíneo, producindo sobre todo, unha diminución da capacidade respiratoria o que provoca problemas respiratorios e agravamento das patoloxías crónicas, como o asma ou a EPOC.
Segundo o Índice de Calidade do Aire (ICA) establécense diferentes categorías de calidade do aire: boa, favorable, regular, mala, moi mala e pésima. A partir dunha calidade de aire regular pode existir un risco moderado para os grupos máis susceptibles, mentres que se deben tomar certas precaucións na poboación xeral a partir dunha calidade do aire mala.