Adxudicada por preto de 93.000 euros a mellora da estrada entre Barxa e Vistahermosa

OurenseXa
Os traballos abarcarán máis dun quilómetro de vía e comezarán en setembro
estrada-barxl-barbadas
13 Aug 2025

O Concello de Barbadás vén de adxudicar á empresa Extraco a obra de rehabilitación do firme da estrada que conecta o núcleo de Barxa, en Piñor, co barrio ourensán de Vistahermosa. O investimento ascende a 92.908,64 euros e os traballos comezarán en setembro cun prazo de execución dun mes.

Segundo explica a tenente de alcalde e concelleira de Vías e Obras, Victoria Morenza, o vial presenta “un firme totalmente esgotado e numerosas irregularidades” que fan necesaria a intervención. Pola súa parte, o alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, cualifica a actuación como “prioritaria”, xa que “esta vía serve como acceso a Ourense desde unha das parroquias máis grandes de Barbadás, e precisamente serve para aliviar outros viais de acceso á capital, diversificando así a mobilidade”.

O tramo a rehabilitar comeza nas proximidades da igrexa de San Lourenzo de Piñor e esténdese ao longo de 1.140 metros, ata o límite co concello de Ourense. O ancho medio é de 5,50 metros, con zonas puntuais de sobreancho.

O proxecto contempla actuacións como a limpeza de cunetas, o fresado da superficie existente, o rego de adherencia, o pintado de marcas viarias e o levantamento de dous redutores de velocidade de tres metros, entre outras melloras previstas.

⚙ Configurar cookies
0.89138007164001