Adxudicadas as obras de acondicionamento do viaduto da autovía AG-53 sobre o río Barbantiño

A Xunta de Galicia adxudicou as obras de acondicionamento do viaduto da autovía AG-53 ao seu paso sobre o río Barbantiño, cun investimento que supera os 2,6 millóns de euros.
Os traballos, que executará a empresa Puentes y Calzadas Infraestructuras, centraranse na reparación e conservación de distintos elementos da estrutura, tanto no interior do taboleiro como na parte exterior da lousa superior. A actuación desenvolverase no treito situado entre o enlace de Cea e as conexións coa OU-402 e a A-52.
O proxecto fixa un prazo de execución de dez meses e busca mellorar as condicións de durabilidade do viaduto, en servizo desde abril de 2009, adaptándoo ao desgaste acumulado tras anos de uso. As obras afectarán principalmente ao municipio de Punxín, aínda que tamén se estenderán parcialmente ao termo de Amoeiro.
Esta intervención forma parte da estratexia autonómica de conservación preventiva de infraestruturas viarias, un programa impulsado pola Xunta que prioriza a inspección e o mantemento de pontes e outras estruturas co obxectivo de reforzar a seguridade viaria e alongar a súa vida útil.