AFAOR clausura o seu Programa Integrado de Emprego coa participación dun cento de persoas

A Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer de Ourense (AFAOR) celebrou hoxe o acto de clausura do seu Programa Integrado de Emprego (PIE) 2024/2025, un proxecto orientado a facilitar a inserción laboral de persoas con maiores dificultades de acceso ao mercado de traballo. O evento contou coa presenza do conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, e do delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo.
Durante a xornada entregáronse os diplomas acreditativos a un cento de participantes, entre eles persoas con discapacidade, menores de 30 anos e mulleres, que durante un ano seguiron itinerarios personalizados de inserción laboral baseados en accións de orientación, formación, acompañamento e intermediación.
José González destacou a importancia deste tipo de programas na integración sociolaboral e lembrou que os PIE, impulsados pola Xunta en colaboración cos concellos e entidades sen ánimo de lucro, beneficiaron na convocatoria 2025-2026 a 19 entidades locais e a 30 asociacións, entre elas AFAOR, abrangueindo arredor de 70 municipios. Ademais, subliñou a incorporación de plans específicos para maiores de 52 anos e a reserva de fondos para mulleres, que representan preto do 60 % das persoas participantes.
O conselleiro puxo tamén en valor os resultados globais dos PIE nos últimos cinco anos: máis de 8.000 persoas incorporadas ao mercado laboral, cunha taxa media de inserción superior ao 47 %, máis de 44.300 sesións individuais de asesoramento e acompañamento, e máis de 56.000 horas de formación en especialidades recoñecidas polo Servizo Público de Emprego Estatal, adaptadas ás necesidades do tecido empresarial galego.
“Estes programas demostran que a colaboración entre a Xunta e as entidades locais é clave para mellorar a empregabilidade e xerar oportunidades reais de traballo no territorio”, sinalou González. O conselleiro avanzou ademais que en 2026 se reforzará o apoio aos PIE cun investimento superior aos 10 millóns de euros, que se sumará aos case 129 millóns destinados desde 2019 a esta ferramenta.
Tamén destacou outras iniciativas complementarias, como os obradoiros de emprego e a orde de Accións Formativas para Persoas Desempregadas, que se renovará co obxectivo de ofrecer respostas máis áxiles ás demandas do mercado laboral e fortalecer a formación vinculada ás necesidades das empresas.