AFAOR e o Club de Xadrez Liceo de Ourense organizan a cuarta edición do seu Torneo Solidario de Xadrez

O Hospital Universitario de Ourense volverá ser escenario, o próximo 19 de setembro, do Torneo Solidario de Xadrez, que alcanza xa a súa cuarta edición. A iniciativa, impulsada polo Servizo de Neuroloxía xunto coa Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer de Ourense (AFAOR) e o Club de Xadrez Liceo de Ourense, enmárcase nos actos do Día Mundial do Alzhéimer cun dobre obxectivo: sensibilizar sobre o impacto social desta enfermidade e destacar o valor do adestramento cognitivo como medida de protección fronte ao envellecemento cerebral.
A competición, coordinada polo mestre ourensán Joaquín Bello, celebrarase na “Cuberta Saudable” do novo edificio de hospitalización, en horario de tarde (16:00-20:00 horas). Aínda que adopta o formato de torneo, os seus organizadores subliñan o carácter lúdico e social do evento, máis centrado en compartir unha xornada de xogo que na propia competición.
A participación é gratuíta e as inscricións xa poden formalizarse tanto na sede de AFAOR como na secretaría do Servizo de Neuroloxía do propio hospital.
Os organizadores lembran que a demencia é un dos grandes desafíos sanitarios e sociais do século XXI, cun custo elevado para as familias e para os sistemas de saúde. Neste contexto, o adestramento cognitivo a través de actividades como o xadrez contribúe a manter a plasticidade neuronal e a atrasar a aparición de síntomas de deterioro. En Ourense, as demencias son o principal motivo de consulta neurolóxica, e o alzhéimer representa preto do 70% dos casos de enfermidades neurodexenerativas atendidas.
Na presentación do torneo participaron o xefe do Servizo de Neuroloxía, Daniel Apolinar García Estévez, a supervisora de enfermaría do servizo, Mónica Otero Vázquez, o director de AFAOR, Óscar Doval, o mestre de xadrez Joaquín Bello e o subdirector de Atención ao Paciente e Humanización, Xosé Luis López Gutiérrez.