Afundación de Ourense recada máis de 2.000 euros para a Asociación Española Contra o Cancro
O Espazo +60 Afundación de Ourense entregará hoxe, martes 12 de marzo, ás 17.30 h, un cheque por importe de 2.050 euros á Asociación Española Contra o Cancro de Ourense. Ao acto de entrega asistirán Germán Rodríguez-Saá López, presidente da Asociación Española Contra o Cancro en Ourense; Belén Pérez Ramos, coordinadora do voluntariado da Asociación Española Contra o Cancro en Ourense; Carmen Bonet, coordinadora do Espazo +60 Afundación de Ourense e persoas voluntarias participantes no programa «O carriño Don Amable».
Ese é o total recadado grazas á venda dos produtos que, de maneira artesanal, elaboraron as 25 mulleres voluntarias que participaron nesta edición do taller solidario do Espazo +60 Afundación de Ourense. Dedicaron as tardes dos luns e martes de todo o ano a confeccionar obxectos reciclados con materiais de refugallo, que posteriormente puxeron á venda na súa tenda solidaria. Co recadado, a AECC continuará co seu programa «O carriño don Amable», que percorre as estancias de Oncoloxía, Oncohematoloxía e Radioterapia do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, do Hospital Público de Valdeorras e tamén do Hospital Público de Verín grazas á dedicación dos voluntarios e voluntarias da Asociación Española Contra o Cancro de Ourense.