Afundación pon en valor a experiencia e a historia das súas socias do Espazo +60 de Ourense

Afundación, a Obra Social de ABANCA, conmemorará o Día Internacional da Muller no Espazo +60 de Ourense do 2 ao 5 de marzo cunha programación que destaca a traxectoria, o talento e a historia das súas socias. A iniciativa forma parte do programa «O valor da experiencia», que procura visibilizar as contribucións vitais e profesionais das mulleres e crear espazos de encontro para compartir estas experiencias.
Segundo a entidade, a proposta tamén reflicte o seu compromiso coa educación en valores e co cumprimento do ODS-05, centrado na igualdade de xénero, contribuíndo ao avance cara unha sociedade máis xusta e inclusiva.
Entre as actividades programadas, o martes 3 de marzo, ás 16:45 horas, celebrarase a charla-coloquio «Mulleres e emprego en tempos de cambio», onde varias socias do centro relatarán a súa traxectoria persoal e profesional, nun espazo deseñado para escoitar e compartir experiencias sobre a incorporación ao mundo laboral, destacando «os retos afrontados, as dificultades e os logros».
O mércores 4, ás 11:30 horas, terá lugar a actividade «Mulleres de Ourense», un percorrido histórico polo casco antigo da cidade que permitirá coñecer e recoñecer a vida e os logros de mulleres que deixaron unha destacada impronta. Esta ruta realizarase en colaboración coa cooperativa Xeitura, especializada na xestión integral do patrimonio.
Para rematar, o xoves 5 de marzo celebrarase a charla «Brillantes e invisibles. As creadoras borradas da Historia da Arte», na que se recuperarán as historias de mulleres creadoras excluídas dos libros, das coleccións e dos relatos oficiais, propoñendo unha visión máis xusta e inclusiva da historia do arte.
Estas actividades, todas de acceso gratuíto, teñen como obxectivo pór en valor a experiencia das mulleres e ofrecer espazos de diálogo, aprendizaxe e recoñecemento da súa contribución á sociedade.