AGAPI e a Deputación achegan o cinema e o feminismo ao alumnado ourensán

A Deputación de Ourense e a Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI), co apoio do Ourense Film Festival (OUFF), poñen en marcha o roteiro “Elas, produtoras executivas”, unha actividade dirixida ao alumnado de 4º da ESO da provincia. O obxectivo principal é espertar vocacións e conciencias entre a mocidade a través do coñecemento do papel das mulleres na produción audiovisual, fomentando ao tempo o pensamento crítico e o interese polo feminismo.
A actividade inclúe a proxección do documental ‘Elas, produtoras executivas’, unha peza que destaca o labor das mulleres produtoras galegas e recolle os seus testemuños en primeira persoa. A continuación, abrirase un espazo de debate feminista moderado pola xornalista Mónica V. Lopo, no que participarán algunhas das protagonistas do documental, compartindo experiencias e traxectorias.
A primeira parada do roteiro será no IES Xermán Ancochea Quevedo de Trives, onde a convidada será a produtora Rosa Taboada. O 18 de xuño será a quenda do IES Celso Emilio Ferreiro de Celanova, que acollerá a intervención de Alba Prol. A partir de setembro, a iniciativa continuará noutros centros educativos da provincia.
Para Candela López, responsable da Área de Contorna Segura do OUFF, esta proposta supón “un punto de inflexión fundamental na visibilización do empoderamento feminino e no recoñecemento do traballo, o talento e a creatividade das mulleres produtoras de cine”. Engade que grazas a accións coma esta, “ábrense camiños para que estas profesionais reciban a atención e o valor que merecen dentro da industria audiovisual”.