AGAPI pon en marcha nos institutos ourensáns unha iniciativa para fomentar o empoderamento feminino

OurenseXa
Titulada ‘Elas, produtoras executivas’, a iniciativa arranca hoxe no IES O Couto e continuará por outros centros da província, como IES San Mamede de Maceda
Imaxe da xornada 'Elas, produtoras empoderadas'
Imaxe da xornada 'Elas, produtoras audiovisuais'
10 Out 2024

A Deputación de Ourense e AGAPI organizan un roteiro ‘Elas, produtoras executivas’, unha iniciativa para o empoderamento feminino que percorrerá diversos centros de ensino secundario da provincia.

O roteiro está dirixido ao alumnado de 4º da ESO por ser o curso inmediatamente anterior ao Bacharelato, etapa crucial na selección e dirección dos estudos do futuro, e busca aumentar o interese no feminismo, incrementar a conciencia crítica da xuventude, descubrir en que consiste a produción executiva e dar visibilidade ás produtoras executivas galegas. A actividade constará da proxección do documental ‘Elas, produtoras executivas’, unha peza na que se pon en valor o traballo das produtoras executivas contado en primeira persoa por elas mesmas, cun alto valor simbólico ao poder ser un referente para espertar vocacións entre a mocidade. E, ao remate, terá lugar un espazo de debate feminista, moderado pola xornalista Mónica V. Lopo, con algunhas das protagonistas do documental, que falarán sobre as súas experiencias, a súa traxectoria así como dos seus plans de futuro.

O roteiro pola provincia de Ourense dará comezo hoxe xoves, 10 de outubro, no IES O Couto da cidade de Ourense e a convidada para este primeiro debate será a produtora Gael Herrera.

O día 14 de outubro será a quenda do IES Carlos Casares de Viana do Bolo coa produtora Marta Eiriz e continuará no IES San Mamede de Maceda o 21 de outubro tamén con Marta como convidada.

O roteiro seguirá o seu percorrido polo IES Ribeiro de Ribadavia coa produtora Alba Gallego, o IES Manuel Chamoso Lamas de O Carballiño coa produtora Adriana P. Villanueva e rematará no IES de Aquis Querquernis de Bande coa produtora Laura Doval.

0.21772909164429