Agricultura inviste 35 millóns de euros para modernizar os regadíos de Nova Limia

OurenseXa
O ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación inviste 35 millóns de euros financiados con fondos Next Generation para modernizar os regadíos de Nova Limia, actuación que beneficiará a máis de 1.800 agricultores.
Luis_Planas_Ministerio_Agricultura_regadios_nova_limia
19 Xan 2024

O ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, subliñou hoxe que os investimentos en modernización de regadíos forman parte das prioridades do Goberno para a nova lexislatura, xa que o cambio climático esixe acelerar a transición cara a un modelo de produción agrícola máis sostible, que se caracterice por un menor e máis eficiente consumo de auga e de enerxía.

Por iso, o Goberno renovou para esta lexislatura o seu compromiso coa modernización, cunha aposta que vai supoñer un investimento de máis de 2.340 millóns de euros ata o ano 2027, unha cantidade sen precedentes. “Facemos un gran esforzo en mobilizar recursos para a mellora do regadío porque é o futuro da nosa agricultura. Creo no regadío sostible e eficiente, a auga é un ben precioso e aproveitar cada pinga aumenta a rendibilidade dos agricultores”, asegurou.

Esta inxección está acompañada ademais dunha serie de medidas para dinamizar a toma de decisións e axilizar os procesos para a execución dos proxectos con todas as garantías ambientais, técnicas e legais correspondentes.

Esta aposta investidora, dixo o ministro, é unha mostra máis do inequívoco compromiso e apoio do Goberno aos sectores agrario e pesqueiro, que forman un dos piares fundamentais da economía española. Lembrou o volume de axudas extraordinarias habilitado para facer fronte ás consecuencias da guerra en Ucraína e da seca. Só en Galicia abonáronse no último ano e medio 142,7 millóns de euros en axudas directas, dos que 79 millóns corresponden á gandería, co sector lácteo como principal beneficiario.

O ministro presidiu en Ourense o acto de firma dunha addenda ao convenio de colaboración subscrito entre a Sociedade Estatal de Infraestruturas Agrarias (SEIASA), adscrita ao ministerio, e a comunidade xeral de regadores Nova Limia, pola que se eleva a 35 millóns de euros o proxecto para a modernización integral desta rede.

Planas destacou o alcance social deste investimento, porque vai permitir consolidar o cultivo da pataca na comarca da Limia, ademais de impulsar outros. O proxecto actúa sobre unha superficie regable de 2.576 hectáreas e beneficia a 1.822 agricultores. A produción desta zona está amparada pola Indicación Xeográfica Protexida (IGP) Pataca de Galicia, distintivo de calidade que achega maior valor engadido aos produtos agroalimentarios e que con esta mellora da rede de regadíos pode coñecer un novo impulso.

Este proxecto de modernización permitirá substituír o uso da auga superficial do río Limia e os seus afluentes por augas subterráneas obtidas de 42 pozos cuxas captacións foron autorizadas pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e que se integrarán en 4 redes de rega. As obras inclúen a construción de tres balsas elevadas cunha capacidade de almacenamento de 75.000 metros cúbicos de auga. A infraestrutura equiparase de sistemas telemáticos e autocontrol, e para dotar de enerxía á rede de rega construiranse sete plantas fotovoltaicas.

O titular de Agricultura explicou que a aposta polo regadío está en liña coa necesidade de redución dos custos de produción da agricultura. Así, ademais do aforro de auga, os proxectos de modernización buscan tamén a eficiencia enerxética mediante o uso de enerxías renovables e a redución de uso de produtos fertilizantes e fitosanitarios. Iso implica a dixitalización e a incorporación de novas tecnoloxías.

Ademais, Planas lembrou que o Proxecto Estratéxico para a Reforma e Transformación Económica (PERTE) Agroalimentario contempla unha liña de axudas de 200 millóns de euros para a dixitalización do ciclo da auga das comunidades de regadores. O prazo da primeira convocatoria, por 100 millóns de euros, estivo aberto ata hai un mes, e está prevista a realización dunha nova pola mesma cantidade.

Tras o acto de firma, o ministro trasladouse a Xinzo de Limia para visitar a zona regable e coñecer detalles in situ sobre as actuacións que se van a executar.

0.19451904296875