ALCER Ourense atendeu a 17 persoas con enfermidade renal crónica en situación de emerxencia social en 2023
ALCER Ourense deu cobertura a 17 persoas con enfermidade renal da provincia de Ourense durante o ano 2023 grazas ao proxecto de “Emerxencia Social para persoas con Enfermidade Renal Crónica na provincia de Ourense (ALCER Axuda)”, iniciado no ano 2022 co que persoas da provincia de Ourense reciben axudas económicas a través de bonos de alimentación para cubrir as necesidades básicas producidas pola enfermidade renal crónica.
Con este proxecto, presentado a través da Confederación Española de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica (COCEMFE), pretendeuse como obxectivo principal cubrir as necesidades máis básicas da vida e xerar unhas condicións adecuadas de vida, truncadas tras a chegada da enfermidade renal crónica. Tamén se lle deu cobertura a outras demandas recibidas por parte das beneficiarias. O programa contaba coa participación de 13 persoas a inicio de ano, acabando atendendo a 17 persoas ao finalizar este.
A enfermidade renal causa un gran impacto na vida da persoa que é diagnosticada, truncando o proxecto de vida e ocasionando na maioría dos casos a imposibilidade de compaxinar o tratamento cunha vida laboral, dada a cantidade de horas que a persoa dedica ao tratamento. Esta situación repercute indubidablemente no ámbito económico sendo en moitas ocasións imposible cubrir as necesidades básicas. Por iso Ana Salgado, traballadora social, dinos que “o obxectivo principal é cubrir esas necesidades para que unha vez cubertas podamos centrarnos no plan de atención individual e conseguir unha plena autonomía da persoa e mellorar a súa calidade de vida”.
Este proxecto forma parte do Plan de Prioridades da Confederación Española de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica (COCEMFE), financiado pola Fundación ONCE. A Confederación xestiona esta subvención para o financiamento dos proxectos prioritarios das súas entidades, proporcionándolles asesoramento e realizando un seguimento pormenorizado durante todo o proceso.