ALCER Ourense atendeu a unhas 60 persoas con enfermidade renal na provincia durante 2025

OurenseXa
A entidade desenvolve o programa “Atención Social, Asesoramento e Intervención II”, orientado a ofrecer información e apoio tanto a persoas en fases iniciais da enfermidade renal como a pacientes que xa reciben tratamento
alcer-ourense
22 Dec 2025

A Asociación para a Loita Contra as Enfermidades Renais (ALCER) de Ourense atendeu neste 2025 a arredor de 60 persoas con enfermidade renal na provincia. Esta atención é posible grazas a unha subvención vinculada ao 0,7% do IRPF, concedida pola Xunta de Galicia a través da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI).

A subvención permitiu a ALCER desenvolver o programa “Atención Social, Asesoramento e Intervención II”, orientado a ofrecer información e apoio tanto a persoas en fases iniciais da enfermidade renal como a pacientes que xa reciben tratamento renal substitutivo, así como ás súas familias.

A enfermidade renal crónica (ERC) é unha afección que está a aumentar en incidencia, cun crecemento do 30% na última década, e podería converterse na segunda causa de morte en España se continúa esta tendencia. Por iso, o labor de ALCER Ourense céntrase en facilitar recursos, asesoramento sobre trámites como o certificado de discapacidade, bonos de desconto, adaptación laboral, e servizos especializados como nutrición e apoio psicolóxico, coa finalidade de mellorar a calidade de vida das persoas afectadas e os seus achegados.

A entidade, sen ánimo de lucro e declarada de utilidade pública, leva máis de 40 anos traballando en Ourense para prestar apoio tanto físico como emocional a pacientes con enfermidade renal crónica e as súas familias, que forman parte esencial no proceso de adaptación á enfermidade.

⚙ Configurar cookies
0.088367938995361