ALCER Ourense desenvolverá o programma "Atención social, asesoramento e intervención especializada II"
O pasado mes de xaneiro a Asociación para a Loita Contra as Enfermidades Renais (ALCER) da provincia de Ourense, recibiu por parte da Xunta de Galicia, a través da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI), os fondos dunha subvención que lle van permitir seguir desenvolvendo un ano máis o programa "Atención social, asesoramento e intervención especializada II".
A traballadora social da entidade ofrece información e asesoramento a persoas con enfermidade renal, en estadios iniciais da enfermidade como a persoas en estadios máis avanzados xa en tratamento renal substitutivo, e familiares. A actividade realízase durante todo o ano e durante este trimestre xa levan atendidas perto de 40 persoas da provincia de Ourense, tanto de forma presencial na sede como de forma telemática.
A enfermidade renal crónica (ERC) é un estado caracterizado pola diminución significativa e progresiva da función dos riles. É importante destacar que na última década, a ERC aumentou case un 30% e de seguir a este ritmo actual de crecemento, acabará converténdose na segunda causa de morte no noso país. Empezar a convivir con ERC supón un importante cambio na vida de calquera persoa, polo que o acompañamento e asesoramento tanto para as persoas con enfermidade renal como para os seus familiares é fundamental.
Dende ALCER, animan a que todas as persoas que fagan a declaración da renta contribúan marcando o X solidario para actividades de interese social no cadro 106, axudando así a que as pequenas asociacións poidan lograr desenvolver con maior facilidade o seu traballo e axuda ós demais.