Alcer Ourense homenaxea ás persoas doantes con mesas informativas no CHUO

OurenseXa
O edificio de hospitalización do CHUO ofrecerá información sobre o proceso de doazón e transplante con motivo do Día da Doazón de órganos
alcer-ourense-dia-mundia-ril
Mesa informativa de Alcer Ourense
4 Jun 2025

A Unión de Transplantados de Órganos Sólidos, da que forma parte Alcer Ourense, únese este mércores 4 de xuño, Día da Doazón de órganos, para render homenaxe ás persoas doantes e ás súas familias, ao tempo que busca sensibilizar a sociedade sobre a importancia da doazón de órganos, un xesto que pode salvar ata oito vidas.

Con motivo desta xornada, Alcer Ourense instalará mesas informativas no edificio de hospitalización do CHUO e no Hospital Comarcal de Verín entre as 10:00 e as 13:30 horas, onde ofrecerán información sobre o proceso de doazón e transplante.

A actividade enmárcase nun contexto de récords históricos en transplantes, segundo os últimos datos da Organización Nacional de Transplantes (ONT). En 2024, España realizou 6.464 transplantes, un 10% máis que o ano anterior, grazas á xenerosidade de 2.562 doantes falecidos. Galicia tamén destacou cun aumento do 28% nas intervencións, rexistrando 208 transplantes renais, 48 hepáticos, 64 pulmonares e 30 cardíacos, o que supón un total de 242 transplantes.
A pesar das boas cifras, ao final do ano 5.096 persoas seguían en lista de espera en España, das cales 193 eran galegas, pendentes de recibir un órgano que lles permita manterse con vida e continuar co seu proxecto vital.

En Galicia, a taxa de doadores por millón de poboación foi de 157, superior á media estatal (137,8 pmp). Con todo, as negativas familiares aumentaron ata o 19%, unha cifra lixeiramente por riba da media española, o que indica a necesidade de continuar traballando na sensibilización.

Desde a Federación Alcer Galicia salientan a importancia da solidariedade e do altruísmo, e celebran avances como o recoñecemento laboral para as persoas doantes en vida, recollido na recente Lei 6/2024, que modifica o Estatuto dos Traballadores e a Lei Xeral da Seguridade Social para protexer e fomentar a doazón en vida sen que supoña perdas económicas para quen doa.

A entidade anima a toda a cidadanía a informarse e a reflexionar sobre este acto de xenerosidade que pode cambiar vidas.

⚙ Configurar cookies
0.17981886863708