ALCER Ourense pon fin á súa campaña de recollida de tapóns de plástico tras reunir preto de tres toneladas

OurenseXa
Esta iniciativa solidaria, posta en marcha no ano 2020, rematará definitivamente o 29 de xaneiro tras cinco anos de funcionamento
recollida-tapons-alcer-ourense
Campaña de recollida de tapóns de Alcer Ourense
16 Jan 2026

A Asociación para a Loita contra as Enfermidades Renais (ALCER) de Ourense deixará de maneira definitiva o servizo de recollida de tapóns de plástico a partir do vindeiro 29 de xaneiro. A iniciativa, posta en marcha no ano 2020, desenvolveuse con fins solidarios e permitiu reunir arredor de tres toneladas deste material durante os seus cinco anos de funcionamento.

A campaña naceu co obxectivo de colaborar, a través da Federación ALCER Galicia, no proxecto «Doar un tapón, un gran xesto solidario», impulsado pola Asociación da Enfermidade de Dent (ASDENT), así como na recadación de fondos destinados ao NefroCHUS da Asociación Art for Dent.

Aínda que a recollida se paralizou a nivel autonómico en setembro de 2025, a delegación ourensá decidiu manter a actividade durante os últimos meses en coordinación con ASDENT. Nese período, ALCER Ourense conseguiu reunir cada ano arredor de 250 bolsas de 130 litros de capacidade, unha cifra que, pola densidade do material, equivale a unhas tres toneladas de tapóns.

A iniciativa contou coa implicación de socios, persoal técnico da entidade e membros doutros colectivos sociais que colaboraron de maneira activa. Os tapóns recollidos foron enviados á sede de ASDENT en Barcelona grazas á colaboración da empresa de transporte NACEX, que dispón dun punto loxístico no polígono industrial de San Cibrao das Viñas, desde onde se realizaban os envíos mensuais.

A Asociación da Enfermidade de Dent traballa para dar visibilidade a esta patoloxía xenética pouco frecuente que afecta ao funcionamento dos riles e impide a correcta asimilación de elementos esenciais como o potasio, o magnesio ou determinadas vitaminas. Segundo os datos dispoñibles, trátase dunha enfermidade rara que afecta a unhas 400 persoas en todo o mundo.

⚙ Configurar cookies
0.086626052856445