ALCER Ourense presta apoio a 170 persoas con enfermidade renal crónica na provincia

OurenseXa
A organización ofrece asesoramento, acompañamento e información durante todo o ano grazas ao proxecto ALCER Contigo
Porgrama “Atención Social e Asesoramento Especializado II” de ALCER Ourense
19 Nov 2025

ALCER Ourense atendeu en 2025 a 170 persoas con enfermidade renal crónica dentro do proxecto ALCER Contigo, unha iniciativa que a entidade desenvolve desde 2020 para ofrecer apoio continuado a este colectivo vulnerable. A organización proporciona asesoramento, acompañamento e información durante todo o ano, ademais de impulsar campañas de prevención e de doazón de órganos.

O proxecto, presentado a través da Confederación Española de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica (COCEMFE), busca reforzar a presenza da asociación na comunidade e dar visibilidade á enfermidade renal, unha patoloxía que, segundo lembran, permanece sen diagnosticar no 90% dos casos. Para conseguilo, a entidade mantivo unha sesión mensual do grupo de apoio “Da túa man”, realizou preto de 200 chamadas de acompañamento a socios e socias e enviou máis de 130 comunicacións con información sobre axudas, recursos, alimentación adaptada, prevención ou fomento da doazón.

A estas accións súmanse campañas informativas en datas clave como o Día do Ril ou o Día do Doador, así como charlas dirixidas a colectivos e entidades que solicitaron formación sobre esta doenza.

Desde ALCER Ourense lembran que a enfermidade renal ten un forte impacto na vida de quen a padece, afectando ao seu proxecto vital e dificultando en moitos casos compatibilizar o tratamento coa actividade laboral debido ao número de horas necesarias para a terapia. Por iso, insisten na importancia do diagnóstico precoz, do acceso a información rigorosa e do acompañamento desde o inicio, ademais de traballar para reducir o infradiagnóstico mediante actuacións de prevención.

O proxecto forma parte do Plan de Prioridades de COCEMFE e conta co financiamento da Fundación ONCE. A Confederación xestiona esta subvención e ofrece asesoramento e seguimento ás entidades participantes para garantir o correcto desenvolvemento das súas iniciativas.

⚙ Configurar cookies
0.07800817489624