Alcer Ourense puxo fin ao programa ‘Coñecendo as emocións’ cun grande éxito entre os participantes

OurenseXa
Con esta iniciativa, a asociación buscou fortalecer e acompañar no autocoñecemento ás persoas con enfermidade renal crónica
coñecendo-as-emocions-alcer-ourense
21 Jan 2026

A Asociación para a Loita Contra as Enfermidades Renais (ALCER) de Ourense finalizou o pasado 18 de decembro o programa ‘Coñecendo as emocións’, promovido por Afundación en colaboración con Matia Instituto.

O programa estivo a cargo de Carmen Dorado, traballadora social de Alcer Ourense, xunto con outras cinco persoas asociadas á entidade.

Desde o equipo técnico de Alcer Ourense explican que a principal razón para solicitar o programa foi fortalecer e acompañar no autocoñecemento ás persoas con enfermidade renal crónica (ERC).
A iniciativa desenvolveuse ao longo de doce sesións prácticas de dúas horas de duración, con periodicidade semanal desde o mes de outubro, nas que se propuxo aos participantes comprender o arco completo dos procesos emocionais, pasando polo autoanálise e a observación de experiencias persoais concretas.

A través destas actividades, os participantes compartiron cuestións da súa vida diaria e abordaron as súas relacións persoais, co obxectivo de fortalecer o coidado e mantemento dos vínculos afectivos mediante a escoita activa, a comunicación asertiva e a comunicación de límites.

Para Paloma, unha das participantes, participar no programa supuxo “un antes e un despois” na súa vida, na que medrou “a claridade e a paz”. Outros usuarios destacaron o aumento da honestidade consigo mesmos, da calma e da comprensión cara aos demais.

O obxectivo final conseguiuse grazas a unhas “ferramentas simples pero súper potentes”, sinalan desde Alcer. Para Carmen Dorado, as sesións converteronse nunha “cita agardada cada semana”, nas que se notaba o progreso.

⚙ Configurar cookies
0.080363988876343