ALCER Ourense recibe unha subvención municipal para impulsar o seu programa de emerxencia social

A Asociación para a Loita Contra as Enfermidades Renais de Ourense (ALCER Ourense) contará en 2025 cunha nova axuda económica por parte do Concello de Ourense para desenvolver o seu labor social. Segundo a resolución publicada o 4 de decembro no Boletín Oficial da Provincia, a entidade foi beneficiaria dunha subvención destinada a asociacións e entidades sen ánimo de lucro no ámbito dos servizos sociais.
Este ano, ALCER recibirá 5.924,57 euros, unha achega que permitirá manter en funcionamento o programa ALCER Axuda, unha iniciativa de emerxencia social dirixida a persoas con enfermidade renal crónica. A asociación destaca que esta axuda fará posible garantir a continuidade do proxecto durante todo o ano, cubrindo parte dos gastos derivados da súa actividade.
O programa ten como obxectivo detectar situacións de vulnerabilidade derivadas da enfermidade, favorecer a autonomía das persoas afectadas e facilitar que poidan permanecer na súa contorna coa maior calidade de vida posible. Tamén busca evitar o illamento social e minimizar o impacto económico e emocional que adoita acompañar a doenza, ofrecendo recursos e apoio adaptado a cada caso.
ALCER Ourense, declarada de utilidade pública e con máis de catro décadas de actividade na cidade, continúa así coa súa labor de apoio sanitario e social tanto ás persoas con enfermidade renal crónica como ás súas familias, parte esencial no proceso de convivencia coa enfermidade.