ALCER Ourense reforzará o seu programa de apoio a persoas con enfermidade renal

A Asociación para a Loita Contra as Enfermidades Renais de Ourense (ALCER Ourense) vén de recibir unha subvención da Deputación de Ourense dentro da convocatoria destinada a entidades sociais sen ánimo de lucro para proxectos de carácter social correspondentes ao ano 2025.
Segundo recolle a resolución definitiva publicada no Boletín Oficial da Provincia (BOP) o pasado 9 de outubro, a asociación contará cunha achega de 2.500 euros para o desenvolvemento do programa “Alcer Contigo”, unha iniciativa de orientación e apoio social dirixida a persoas con enfermidade renal crónica.
Esta axuda permitirá dar continuidade ás actividades que a entidade leva a cabo ao longo do ano, cubrindo parte dos gastos derivados do programa. Entre as accións incluídas destacan o envío de información diaria ás persoas asociadas, chamadas de apoio, o grupo de acompañamento “Da túa man”, visitas a centros de diálise, campañas de sensibilización, publicacións informativas en redes sociais e charlas sobre doazón de órganos e enfermidade renal.
ALCER Ourense, asociación sen ánimo de lucro de carácter sanitario e social, leva en funcionamento desde 1982 e está declarada de utilidade pública. O seu labor céntrase en ofrecer apoio moral e físico ás persoas afectadas por enfermidade renal crónica e ás súas familias, que desempeñan un papel esencial durante todo o proceso da enfermidade.