ALCER promove un apagón solidario en Ourense polas persoas electrodependentes
Dende a Asociación para a Loita Contra as Enfermidades Renais (ALCER), denuncian que na actualidade hai en Galicia máis de 2.000 persoas realizando diálise como tratamento renal substitutivo, a meirande parte delas facendo o tratamento de forma hospitalaria e vendo o seu proxecto de vida notablemente afectado.
Existen terapias de diálise domiciliarias que facilitan a adaptación do proxecto de vida á enfermidade e supoñen un importante aforro de gasto público, pero requiren das mellores características no fogar para poder realizar o tratamento en óptimas condicións. A desaparición hai anos das axudas económicas que existían en Galicia para sufragar os gastos por custe eléctrico ou de auga prexudican aos/ás doentes galegos/as que optan por estas técnicas domiciliarias, mentres outras Comunidades Autónomas (Asturias, Canarias, Castela e León, Cataluña e Euskadi) sufragan gastos por custe eléctrico ás persoas que realizan diálise domiciliaria para prestar o servizo domiciliario na mellor situación sen reducir o nivel adquisitivo do doente.
Por mor desta situación, a Federación ALCER Galicia promove polo Día Mundial do Ril o apagón solidario polas persoas en situación de electrodependencia entre as 22:00 horas e as 24:00 horas para a noite deste martes 13 de marzo.
En Ourense, os apagóns están previstos no edificio da Deputación Provincial e no Concello de Ourense, na Fonte da Praza de Concepción Arenal.