Alcohólicos Anónimos Ourense organiza unha charla informativa aberta a toda a cidadanía o vindeiro 30 de xaneiro

Alcohólicos Anónimos en Ourense, coa colaboración de Discafis – Cogami, organizará unha charla informativa aberta a asociacións, institucións e ao público en xeral, que terá lugar o sábado 30 de xaneiro ás 11:00 horas no salón de actos da Asociación Aixiña.
O obxectivo desta xornada é dar a coñecer a labor da asociación e explicar como se leva a cabo o proceso de recuperación do alcoholismo. Durante a sesión atenderanse dúbidas e compartiranse os recursos e a experiencia acumulada, co fin de ofrecer unha mensaxe de apoio e esperanza ás familias afectadas por esta enfermidade.
Alcohólicos Anónimos ofrece un programa de recuperación que é libre, gratuíto e confidencial, compatible con calquera outro tipo de terapia ou tratamento. Actualmente, en Ourense contan con tres grupos activos: o Grupo Orense, situado en Cristo Rey (As Lagoas), o Grupo Celanova, na localidade homónima, e un grupo no Centro Penitenciario dirixido exclusivamente aos internos.