Alerta laranxa por vento e temporal costeiro en boa parte da Coruña e Lugo

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa | ACoruñaXa | OurenseXa
A Xunta suspende actividades escolares e deportivas no exterior e pide extremar as precaucións na costa
Aemet-rachas-vento-9-decembro-2025
9 Dec 2025

A Xunta de Galicia activou para hoxe, 9 de decembro, a alerta laranxa por fortes ventos no oeste e suroeste da provincia da Coruña, ao tempo que se mantén o aviso do mesmo nivel por temporal costeiro nos litorais coruñés e lucense. A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior comunicou a situación a concellos, deputacións, servizos provinciais, agrupacións de Protección Civil e clubs náuticos a través do 112 Galicia, co obxectivo de reforzar a seguridade da cidadanía.

Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), a alerta por vento comezará nas últimas horas do día, con refachos que poderán acadar os 100 km/h. No mar, prevese temporal con ventos do sur e suroeste de forza 9 e mar combinada que poderá chegar aos sete metros de altura.

Como consecuencia destas condicións, a Comisión Escolar de Alertas acordou suspender ata as 16.00 horas de mañá martes, día 9, todas as actividades no exterior dos centros educativos de diversos concellos do oeste e suroeste da Coruña, como Camariñas, Fisterra, Muxía, Boiro, Ribeira ou Rianxo.

A Secretaría Xeral para o Deporte tamén decretou a paralización da actividade federada e das competicións do programa Xogade ao aire libre. No caso da actividade marítima, a suspensión prolongarase ata o final da xornada do martes, con diferentes franxas horarias segundo a zona, incluída a Mariña lucense, onde non se retomarán as actividades ata as 14.00 horas.

As autoridades insisten en evitar achegarse á liña de costa —diques, rompentes ou paseos marítimos—, asegurar embarcacións e revisar amarres, así como retirar obxectos en tellados, balcóns e ventás que poidan ser desprazados polo vento. Ademais, recoméndase consultar a web do 112, que ofrece información meteorolóxica actualizada e ligazóns de interese.

⚙ Configurar cookies
0.0850830078125