Algaria denuncia incidencias no servizo 065 de transporte adaptado en Ourense por falta de medios

A Asociación de Persoas con Discapacidade da Comarca da Limia (Algaria) denuncia unha situación de deterioro no funcionamento do servizo 065 de transporte adaptado na provincia de Ourense, que (segundo a entidade) se arrastra desde setembro e outubro e está a deixar sen alternativa a persoas con mobilidade reducida.
O presidente de Algaria, Óscar Pena García, afirma que cando as persoas usuarias solicitan o servizo ocasional, este lles está a ser rexeitado de forma reiterada, coa falta de medios suficientes como motivo alegado para atender a demanda existente.
A asociación asegura que xa recibiu ducias de queixas de persoas usuarias do 065, un transporte que empregan con frecuencia para desprazarse, sobre todo, a consultas e probas médicas. Cando a petición é denegada, explican, moitas persoas vense obrigadas a recorrer a un taxi ou a depender dun familiar, ao non existir alternativas de transporte público adaptado, unha carencia que se agrava no rural.
Algaria sinala que as incidencias se rexistran en distintos puntos da provincia, con casos en O Barco de Valdeorras, Ribadavia, A Limia e tamén na cidade de Ourense, polo que consideran que non se trata dun feito illado, senón dunha situación xeneralizada.
O procedemento establece que a solicitude debe tramitarse cunha semana de antelación e que, tres días antes do desprazamento, o 065 contacta coa persoa usuaria para confirmar a concesión. Segundo a denuncia da entidade, esa chamada de confirmación está a derivar en negativas sistemáticas.
Ante este escenario, Algaria reclama unha resposta inmediata e medidas que garantan a continuidade do servizo, ao considerar que o 065 é esencial para asegurar o acceso á atención sanitaria e a igualdade de dereitos das persoas con discapacidade que non dispoñen doutro medio de transporte.