Allariz acolle a vindeira semana unha actividade de xogo libre para nenos menores de 2 anos

O Concello de Allariz organiza para o próximo mércores 21 de xaneiro a actividade “Instalacións de Xogo”, impartida por Getsemaní Valenzuela. Esta proposta está dirixida a nenas e nenos de entre 6 meses e 2 anos, e busca crear un espazo de relación, creatividade e exploración a través do xogo libre.
As instalacións consisten en espazos lúdicos deseñados con obxectos cotiáns como flotadores, caixas, vasos, esponxas, pezas soltas ou elementos de madeira, que permiten ás nenas e nenos explorar, imaxinar e crear de forma espontánea. Con estes materiais sinxelos foméntase a autonomía, a curiosidade e a interacción social nun ambiente seguro e acolledor.
A actividade plantexase como unha experiencia non estruturada na que o xogo libre é o protagonista. Ademais, convértese nun punto de encontro para as familias e nun espazo para fortalecer a comunidade mentres os máis pequenos descubren o mundo que os rodea.
A sesión terá lugar no segundo andar do Fogar dos Maiores de Allariz, de 16:45 a 17:30 horas. A participación é gratuíta, aínda que é necesario inscribirse previamente chamando aos teléfonos 988 554 059 ou 638 614 691. Cada sesión dura aproximadamente 50 minutos e os menores deberán asistir acompañados por un adulto responsable.