Allariz acolle este domingo un monólogo con motivo do 25N

A Casa da Cultura de Allariz acolle este domingo ás 18:30 horas o monólogo “ELAS”, unha obra teatral que invita a reflexionar sobre as vivencias, resistencias e fortalezas das mulleres ao longo da historia. A entrada será gratuíta ata completar aforo e está dirixida ao público adulto.
A actividade enmárcase dentro do programa organizado polo Concello para conmemorar o 25N, cuxo acto central terá lugar o propio martes 25 de novembro ás 12:00 horas na Praza Maior, onde se realizará a lectura do manifesto institucional contra a violencia de xénero. Neste acto, o Concello e a cidadanía amosarán a súa unidade e compromiso para erradicar todas as formas de violencia machista.
Estas xornadas contan coa colaboración do IES de Allariz e o apoio do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, e forman parte do traballo continuo do Concello para promover unha sociedade máis igualitaria, segura e libre de violencias.
Con esta iniciativa, o Concello de Allariz reafirma o seu compromiso coa igualdade de xénero e a loita contra a violencia, fomentando accións de sensibilización, educación e reflexión dirixidas a toda a comunidade.