Allariz acolle unhas xornadas sobre Vicente Risco e Daniel Castelao

A sede da Fundación Vicente Risco, en Allariz, será o escenario o vindeiro sábado, 13 de decembro, das xornadas ‘Vicente Risco e Daniel Castelao: Galiza como proxecto vital’, unha actividade centrada na análise do pensamento político, cultural e artístico destas figuras fundamentais da cultura galega. O encontro comezará ás 10:30 horas coa inauguración a cargo da presidenta da Fundación.
A primeira mesa, de 11:00 a 12:00 horas, estará dedicada á conformación do pensamento político, coa participación de Carlos Meixome, Serxio María e Xosé Fernández, moderados por Luís Martínez-Risco. Tras un descanso de media hora, celebrarase a segunda mesa, entre as 12:30 e as 13:30 horas, centrada na cultura galega e portuguesa. Nela intervirán Pilar García Negro, Aurelia Balseiro, Manuel Gago e Paulo Samuel, baixo a moderación de Xosé Manoel Fírvida. A sesión continuará pola tarde, logo do xantar.
Xa ás 16:00 horas dará comezo a terceira mesa, dedicada á estética e á creación, con relatorios de Isabel Risco, Olivia Rodríguez, Carlos Bernárdez e Isabel Mociño, moderados por Antonio Blanco. Ás 17:00 horas presentarase o libro ‘Renascença Portuguesa e Geração Nós’, de Paulo Samuel, nun acto conducido por Luís Risco. A xornada pecharase ás 18:00 horas coa presentación da banda deseñada ‘A Tese de Margot’, de Óscar Losada Castro (guión) e Alba Ceide (ilustración), presentada por Xico Paradelo.
A inscrición é gratuíta e o aforo está limitado a 25 prazas. As persoas interesadas deben enviar un correo a eventos@fundacionvicenterisco.com indicando nome e número de DNI.