Allariz acollerá a presentación do documental “Fiar e cantar” no marco da XVIII Semana das Maiores

Dentro da XVIII Semana das Maiores de Allariz, este venres 17 de outubro, ás 19:30 horas, o Fogar dos Maiores acollerá a presentación do documental “Fiar e cantar”.
Dirixido pola alaricana Marta Piñeiro e integrado no proxecto Voces Femininas, o traballo recolle a memoria e as voces das mulleres que transmitiron a música e a poesía oral galegas, poñendo en valor o seu papel na conservación das tradicións culturais da zona.
A actividade constitúe unha homenaxe á cultura local e á identidade compartida, ofrecendo á veciñanza a oportunidade de escoitar, recoñecer e celebrar ás maiores que “fiaron e cantaron” a historia de Allariz.