Allariz acollerá a XI edición das Xornadas dos Oficios do Coiro
O Concello de Allariz vén de presentar no Museo do Coiro a XI Edición das Xornadas dos Oficios do Coiro, que terán lugar entre o xoves, 26 de setembro, e o domingo, 29 de setembro. Á presentación asistiron Miriam e Ernesto, artesáns no Museo do Coiro de Allariz e organizadores das xornadas. Tamén estiveron presentes o concelleiro de Cultura, Alberto Conde e o técnico de museos Juan Antonio Seara.
Un espazo para a creatividade e a tradición
Este evento ofrece a oportunidade de explorar o fascinante mundo do coiro a través dunha variedade de obradoiros prácticos, exposicións e relatorios con expertos no ámbito da artesanía do coiro. Os participantes poderán aprender sobre técnicas tradicionais e contemporáneas, coñecer novos materiais e ferramentas, así como descubrir as aplicacións artísticas e funcionais do coiro.
Programación destacada
O programa incluirá un obradoiro de 'Trenzado dun mango' a cargo de Isaac Romero, en horario de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas que terá lugar o xoves e o venres. Ademais, o venres a partir das 20.30 horas, na Paneira, terá lugar a inauguración da exposición colectiva 'Coiros Contemporáneos', que estará aberta ata o 27 de outubro.
O sábado, 28 de setembro, será o día máis completo. A xornada arrancará coa apertura do Mercado de ferramentas e produtos que estará dispoñible tamén durante o domingo de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas. Ás 10.00 horas terá lugar un obradoiro de utilización de pequena maquinaria e, xa pola tarde, ás 16.30 horas haberá un relatorio sobre estoxos e mobles de gardar con revestimento de pel, a cargo de Félix Andrés de la Fuente, Subdirector do Museo das Artes Decorativas de Madrid. A xornada continuará ás 16.30 horas cunha práctica de escritura tradicional a cargo de José Antonio Pura e, para finalizar, ás 19.30 haberá un obradoiro de tintadosexperimentais impartido por Fernando Martínez Sousa.
O Domingo 29, de setembro, ás 10.00 horas terá lugar un obradoiro sobre aplicación tridimensional do po de coiro impartido por Pepe Pereira e, ás 13.00 horas, haberá un relatorio sobre sandalias de Siria e India e sacos de pastor con Franklin Pereira.
Para participar nos obradoiros é necesario inscribirse con antelación. As persoas interesadas en obter máis información ou inscribirse poden escribir ao correo jornadasdelcueroallariz@gmail.com.