Allariz celebra do 26 de setembro ao 12 de outubro a XIV edición das Xornadas de Carne de Boi

OurenseXa
Nesta edición participan 21 establecementos locais, que ofrecerán unha variada proposta culinaria protagonizada pola carne de boi de Allariz
presentacion-xornadas-carne-de-boi-allariz
23 Sep 2025

Allariz acollerá do 26 de setembro ao 12 de outubro a XIV edición das Xornadas de Carne de Boi, consolidándose un ano máis como unha cita gastronómica destacada no outono da localidade.

Nesta edición de 2025 participan 21 establecementos locais, que ofrecerán unha variada proposta culinaria na que a carne de boi de Allariz, criada na finca de Valverde e propiedade de Okelan, será a protagonista. Os establecementos prepararán tanto tapas (14 participantes) como menús e pratos especiais, adaptados a todos os públicos.

As tapas que concorren ao certame competirán por ser escollidas polo público como a “Mellor Tapa 2025”, mediante votación entre quen as deguste. O prezo das tapas será de 3 eeuros.

Un ano máis celebrarase o concurso “Papando no Boi”, que premia a fidelidade da veciñanza. A primeira persoa con tarxeta cidadá que consiga consumir as 14 tapas participantes recibirá un premio directo de 100 euros para gastar no comercio local. Ademais, sortearanse 1 vale de 250 euros e 3 vales de 60 euros entre aquelas cartillas con, polo menos, 5 tapas consumidas. O sorteo terá lugar o sábado 18 de outubro no Mercado da Reserva da Biosfera ás 11:00 horas, momento no que tamén se dará a coñecer a tapa máis votada.

Como novidade, este ano as tardes e noites gastronómicas virán acompañadas de música en directo os días 26 de setembro, 3 e 11 de outubro. Ademais, durante as mañás dos sábados no mercado da Reserva da Biosfera haberá degustacións especiais de tapas elaboradas con carne de boi.

A alcaldesa de Allariz, Cristina Cid, destacou que estas xornadas son “importantes para a dinamización da economía local e a posta en valor dos recursos propios do territorio”. Pola súa banda, a concelleira de Promoción Económica, María López, animou á veciñanza a participar e agradeceu a implicación dos establecementos e da empresa local Briugu Allariz, encargada de distribuír a carne de boi de raza vianesa aos locais.

⚙ Configurar cookies
0.15193796157837