Allariz celebra o éxito das Festas de San Bieito de 2025

Allariz celebrou a pasada fin de semana as súas tradicionais Festas de San Bieito, que volveron reunir a veciñanza e visitantes nunha edición marcada pola alta participación e o bo ambiente. Dende o Concello quixeron agradecer “a toda a xente que participou, colaborou e gozou con nós destes días tan especiais”.
O programa deste ano ofreceu actividades para todos os públicos. As celebracións comezaron cun concerto da Agrupación Coral Arnoia na Igrexa de San Bieito. A programación continuou co espectáculo de monicreques Titiricircus, da compañía Tanxarina, pensado para público infantil e familiar, e unha sesión de música coa Discomóbil Apocalipsis.
O sábado estivo marcado polo desfile de xigantes e cabezudos polas rúas da vila, acompañados pola Agrupación De Pé Feito, e por concertos das bandas Airiños do Morrazo e Unión Musical de Allariz na Alameda. A verbena contou cunha dobre sesión musical da Orquestra Horizon, The Show.
O domingo, día grande, veciños e visitantes participaron nos pasarrúas e nos actos relixiosos na honra de San Bieito, cunha procesión acompañada pola música de De Pé Feito, Unión Musical de Allariz e a Agrupación Folclórica Lemavos. A festa rematou cun baile amenizado pola Orquestra Compostela e un espectáculo pirotécnico no Campo de Vilanova.