Allariz celebrará un ano máis a Semana Santa coa música de rúa como protagonista

OurenseXa
A Semana Santa ao Vivo celebrarase do 2 ao 5 de abril con concertos, teatro e actividades relacionadas coa natureza
semana-santa-ao-vivo-allariz
21 Mar 2026

O Concello de Allariz deu a coñecer esta semana a programación da Semana Santa ao Vivo 2026, que se desenvolverá do 2 ao 5 de abril no centro histórico da localidade. Durante catro días, as rúas de Allariz encheranse de música de rúa, teatro infantil e actividades en contacto coa natureza, convertendo a vila nun espazo vivo e dinámico para veciños e visitantes.

A oferta musical incluirá dous pases diarios, de mañá e tarde, con tres grupos repartidos ao longo da xornada para animar as rúas. Entre os artistas confirmados atópanse Amorodous, Arroxó, Erik Lepeich, Os Dous Porquinhos, SoLaSoL, Denis Carballás e Noite Son.

As familias tamén teñen propostas específicas na Praza de Abaixo, onde o venres 3 de abril ás 17:30 horas Inma Soto presentará a "Sinfonía de contos" e o sábado á mesma hora Teatro Ghazafelhos levará a escena "Contamos contos de lobos?".

Para os amantes da gastronomía local, o Mercado da Reserva da Biosfera abrirá na Praza do Matadoiro as mañás do venres 3 e sábado 4, ofrecendo produtos da terra.

Ademais do centro urbano, a programación aposta por descubrir o patrimonio menos coñecido de Allariz, con visitas guiadas polo casco histórico e roteiros arqueolóxicos pola zona de Armea e Augas Santas. O Ecoespazo do Rexo tamén abrirá a granxa e a queixería en distintos horarios do mércores ao domingo, para o cal será necesario reservar praza a través de Xeitura (turismo@xeitura.com ou 609 474 976).

Ademais, os museos de Allariz —Moda, Xoguete e Coiro— amplían os seus horarios, mentres que a Asociación A.N.D.R.E.A. manterá as visitas dominicais para dar a coñecer o seu labor.
En conxunto, Allariz presenta unha proposta cultural diversa, pensada para vivir o lecer, a música e o patrimonio a pé de rúa durante a Semana Santa.

0.1237940788269