Allariz conmemora o 25 aniversario do Ecoespazo do Rexo

OurenseXa
O Concello prepara unha serie de actividades para a xornada deste sábado, 27 de xullo
autoridades de allariz no 25 aniversario do ecoespazo
Autoridades de Allariz na presentación do 25 aniversario do Ecoespazo Rexo
27 Xul 2024

Este sábado 27 de Xullo, Allariz vístese de gala para celebrar o 25 aniversario do Ecoespazo do Rexo, unha emblemática obra do recoñecido artista Agustín Ibarrola, falecido o ano pasado e que se inaugurou nunha noite máxica de San Xoán do 1999.

Con motivo desta conmemoración, o Concello prepara unha serie de actividades especiais nas que convidan a participar a veciños e visitantes para redescubrir este espazo único e celebrar todos xuntos o seu legado artístico e ambiental.

A alcaldesa de Allariz Cristina Cid, acompañada do Concelleiro de Cultura a Concelleira de Turismo e o Xerente dá Fundación Ramón González Ferreiro, Ánxel Ferreiro e o Xerente do Rexo, Anxo Quintana daban conta dás actividades programadas para ese día.

O programa dará comezo ás 19.00 e 19.45 horas cunha serie de visitas teatralizadas con sorpresa Coñecemos o ecoespazo, onde os asistentes poderán gozar dunha pequena visita ao ecoespazo, cunha perspectiva dinámica que resaltará a historia, significado e a visión de Agustín Ibarrola.
Ás 20.30 horas presentarase unha pequena exposición dedicada ao ecoespazo, a súa creación e evolución ao longo destes 25 anos.

A xornada culminará cunha cea moi especial, con menú de proximidade co queixo, cordeiro do Rexo e produtos da Reserva da Biosfera coma protagonistas, amenizada con música en vivo e creando un ambiente festivo e acolledor para todos.

Será esta unha oportunidade para compartir recordos e gozar dunha contorna natural incomparable.

Para facilitar a asistencia a todos os interesados, haberá un servizo de autobuses a disposición dende a estación de bus de Allariz ata o ecoespazo.

A alcaldesa de Allariz, Cristina Cid, resaltó na presentación que "esta celebración non só conmemora un cuarto de século do Ecoespazo do Rexo, senón que tamén suliña a importancia da conservación do contorna e o valor da arte, exercendo de recurso e xerando actividade para todo a comarca". Remataba a súa intervención convidando a todos participar nas actividades e ser parte desta data tan significativa.

0.18141102790833