Allariz conta cun novo Punto Limpo Móbil 100% eléctrico

OurenseXa
Con esta nova adquisición, o Concello dá un paso cara a un modelo de xestión ambiental máis sostible
punto-mobil-electrico-allariz
Novo Punto Limpo Móbil eléctrico do Concello de Allariz
29 Oct 2025

O Concello de Allariz suma desde hoxe un novo Punto Limpo Móbil, un vehículo totalmente eléctrico que reforzará a xestión de residuos no municipio e achegará os servizos de reciclaxe ás parroquias e barrios. A alcaldesa, Cristina Cid, e o concelleiro de Medio Ambiente, Bernardo Varela, destacaron durante a presentación o compromiso do Concello coa sostibilidade e a protección do entorno natural.

O proxecto, denominado “Adquisición dun vehículo eléctrico con punto limpo móbil do Concello de Allariz”, foi financiado a través dunha convocatoria da Xunta de Galicia, impulsada pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, e cofinanciado cos fondos Next Generation EU dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

O novo vehículo está deseñado para o transporte e recollida de residuos e para ofrecer servizos auxiliares de xardinería. Ademais, facilitará o acceso da cidadanía a un servizo próximo de recollida de pequenos residuos —como roupa, pilas, lámpadas, pequena ferralla ou pantallas— mediante unha caixa móbil, e permitirá tamén o traslado doutros materiais ou residuos voluminosos cunha caixa auxiliar.

“Trátase dun proxecto que combina innovación, eficiencia e compromiso co noso entorno. Queremos seguir avanzando cara a un Allariz máis verde e máis consciente”, sinalan desde o Goberno municipal, que explican que, para logralo, “as administracións debemos poñer os medios e toda a cidadanía o compromiso de avanzar na sostibilidade”.

Con esta iniciativa, Allariz dá un paso máis cara a un modelo de xestión ambiental máis sostible, consolidando a súa posición como referente en Galicia en materia de economía circular e ofrecendo á poboación novas ferramentas para fomentar boas prácticas medioambientais.

⚙ Configurar cookies
0.078119993209839