Allariz continúa co seu programa "Verán na Mocidade" con actividades para agosto e setembro

OurenseXa
O calendario ofrece alternativas para persoas de entre 13 e 35 anos, con opcións para todos os gustos
allariz-veran
23 Jul 2025

O Concello de Allariz anima á mocidade local a seguir gozando do verán coas actividades do programa “Verán na Mocidade”, que continúa nas vindeiras semanas con propostas lúdicas, deportivas, formativas e de aventura. O calendario ofrece alternativas para persoas de entre 13 e 35 anos, con opcións para todos os gustos.

Entre as citas destacadas está o xogo nocturno “Atrapa a Bandeira!”, que se celebrará o 21 de agosto, dentro da actividade “Grandes Xogos na Noite”. Tamén haberá espazo para a competición, con campionatos de matraquiño durante agosto e billar en setembro.

O apartado de obradoiros incluirá dúas propostas: o 20 de agosto, a creación dun “Escape Room” propio, e o 10 de setembro, unha sesión para iniciarse no xadrez.

Ademais, as saídas fóra do municipio volven ser outro dos atractivos do programa. O 14 de agosto está prevista unha excursión ao Aquapark de Cerceda, cun prezo de 15 euros (10 € para residentes). A gran aventura do programa será do 19 ao 21 de setembro, coa viaxe á Terra de Trevinca, que inclúe observación da berrea dos cervos, visita a un planetario e a subida ao pico máis alto de Galicia, cun custo de 100 euros (80 euros para residentes).

As inscricións deben realizarse a través do correo electrónico mocidade@allariz.gal, sendo necesario un mínimo de 8 persoas por actividade.

 

⚙ Configurar cookies
0.16538405418396