Allariz continúa este fin de semana coa campaña sobre compostaxe doméstica en San Vitorio, Coira e Torneiros

OurenseXa
Os técnicos municipais ofrecerán información sobre xestión sostible dos residuos e repartirán composteiros entre os asistentes
mesa-informativa-compostaxe-allariz
Mesa informativa sobre compostaxe en Allariz
17 Oct 2025

O Concello de Allariz continúa este fin de semana coa súa campaña informativa para fomentar a compostaxe doméstica entre os veciños e veciñas do municipio.

Ao longo de outubro instalaranse puntos informativos en distintas zonas do municipio, onde os participantes poderán aprender a compostar, resolver dúbidas e levarse un composteiro para o seu fogar.

Os puntos informativos serán o sábado 18 de outubro en San Vitorio (de 10:00 a 11:00 horas), Coira (11:30 a 12:30 horas) e Torneiros (13:00 a 14:00 horas). O sábado 25 de outubro será o turno de A Barreira, de 11:00 a 13:00 horas. Ademais, todos os martes de outubro manterase un punto na Praza Maior, de 11:00 a 13:00 horas.

A iniciativa enmárcase no compromiso do Concello cun modelo de xestión sostible dos residuos e co avance cara á economía circular. A campaña comezou o pasado 13 de outubro no Mercado da Reserva, onde os asistentes puideron coñecer o funcionamento da Rede de Compostaxe de Allariz, os seus beneficios ambientais e o proceso de participación no programa municipal.

Durante esta primeira sesión, na que participaron representantes municipais, repartíronse materiais informativos e parte do equipamento necesario para iniciar a compostaxe nos fogares.

⚙ Configurar cookies
0.078904151916504