Allariz convértese este mércores no epicentro da cultura galega co celebración do Día das Artes Galegas 2026

OurenseXa
O acto central, organizado pola Real Academia Galega de Belas Artes en colaboración co Concello, terá lugar na Casa da Cultura e estrá dedicado ao fotógrafo alaricano José Suárez
jose-suarez
José Suárez
31 Mar 2026

O Concello de Allariz será o escenario do acto con motivo do Día das Artes Galegas 2026, unha celebración dedicada ao fotógrafo alaricano José Suárez e que terá lugar este mércores 1 de abril ás 19:00 horas na Casa da Cultura de Allariz, organizado pola Real Academia Galega de Belas Artes en colaboración co propio Concello de Allariz.

A xornada supón unha oportunidade para render homenaxe á traxectoria e legado de José Suárez, figura clave da fotografía galega do século XX, así como para poñer en valor a súa achega ao ámbito artístico e cultural galego. A entrada será libre ata completar aforo, polo que se recomenda acudir con antelación para garantir o acceso.

A Academia decidiu concederlle o galardón deste ano polos os seus numerosos méritos, destacando que é considerado o fotógrafo galego máis internacional. José Suárez foi licenciado en Dereito pola Universidade de Salamanca e desenvolveu unha carreira como fotógrafo e cineasta. Foi amigo de Miguel de Unamuno, que prologou o seu libro “50 fotos de Salamanca”. Influenciado polo pensamento da “Revista de Occidente” e polas ideas artísticas das vangardas, expuxo en París e Madrid no 1935.

No 1936 comezou a rodar o documental “Mariñeiros”, que foi interrompido polo Golpe de Estado. No 1937 exiliouse en Arxentina, onde traballou como realizador e director de fotografía en varios filmes, incluíndo a dirección de “La mujer y el jockey” no 1938. No 1942 foi premiado pola fotografía do filme “Malambo” e traballou como fotógrafo no xornal “La Prensa” de Bos Aires.

Desde o 1950 viviu en Uruguai, onde dirixiu a libraría “El yelmo de Mambrino”. No 1956 viaxou a Xapón como correspondente de prensa, onde se interesou pola cultura nipona e o teatro clásico “Noh”. Alí coñeceu ao director Akira Kurosawa, con quen mantevo unha boa amizade. Colaborou con revistas como “Life”, “US Camera”, “Vida gallega”, “Galicia emigrante”, “Atalaya”, “Ahora” e “Cinegraf”.

No 1959 regresou a España, onde publicou libros sobre “La Mancha” e o mundo dos touros para unha editorial inglesa. Tamén ilustró parte da “Historia de Galicia” de Otero Pedrayo. Desde o 1971 participou en tertulias no hotel Miño de Ourense, sendo moi querido por escritores como Carlos Casares e o grupo dos “artistiñas”.

Entre as súas publicacións destacan “50 fotos de Salamanca” (1932), “Nieve en la cordillera” (1942), “La Mancha” (1965), “The Life and Death of the Fighting Bull” (1966) e “Galicia: terra, mar e xentes”. Foi director dos filmes “Mariñeiros” e “La mujer y el jockey”, ademais de director de fotografía en “Malambo”

0.14084696769714