Allariz convida a celebrar a Festa da Patria Galega cunha noite de música, tradición e identidade

OurenseXa
Unha celebración xa consolidada no calendario local que combina gastronomía e cultura nun ambiente reivindicativo
patria-galega-allariz
22 Jul 2025

O Concello de Allariz convida á veciñanza e visitantes a participar este mércores 24 de xullo na tradicional Festa da Patria Galega, unha celebración xa consolidada no calendario local que combina gastronomía, cultura e música nun ambiente festivo e reivindicativo.

A cita terá lugar nos Xardíns do Museo do Coiro, un espazo emblemático que acollerá, a partir das 21.30 horas, unha cea campestre animada polo Cuarteto Par de Par. A proposta gastronómica inclúe polbo e churrasco, que se poderán adquirir no recinto.

Un dos momentos máis simbólicos da noite chegará á medianoite coa lectura do bando de benvida ao Día de Galiza, un acto cargado de significado que marca o inicio desta xornada tan especial para o país.

Tras o bando, a festa continuará co concerto da Orquestra Bravú Xangai – Os Saxofóns de Occidente, que porá ritmo á noite con sons enérxicos e cheos de identidade. Desde o Concello animan a toda a cidadanía a sumarse a esta noite de celebración da cultura galega: “Vén celebrar con nós esta noite especial de cultura, música e identidade!”.

⚙ Configurar cookies
0.16568398475647