Allariz dará comezo este venres a unha nova edición do FLAZ

OurenseXa
O Festival Literario chega á súa cuarta edición co foco posto na importancia das linguas e da tradución
presentacion-flaz-2025
Imaxe da presentación do FLAZ 2025
4 Jul 2025

A cuarta edición do FLAZ arranca este venres pola tarde coa actividade “Literatura e loita de clases”, un diálogo entre Garazi Albizua e Miquel Martín i Serra na Sala de Exposicións A Fábrica de Allariz.

Garazi Albizua (1985) é unha das autoras en lingua vasca con maior proxección. No 2024 publicou ‘Termita: A súa literatura directa e poética atraeu a atención de lectores e crítica’. Pola súa conta, Miquel Martín i Serra (Begur, Catalunya, 1969) é un dos escritores máis respectados das letras catalás actuais. O seu libro ‘O atallo’ (publicado en galego por Aira) foi un grande éxito.

O Festival Literario de Allariz (FLAZ), nacido no 2022, é un proxecto de promoción e fomento da lectura que reúne durante dúas xornadas figuras da literatura en todas as linguas do Estado, da man da libraría Aira das Letras e do Concello de Allariz, e conta coa colaboración da Deputación de Ourense, a libraría Maruxairas, a editorial Aira, a empresa de servizos turísticos Xeitura, a pastelaría Fina Rei e os establecementos hostaleiros Fío de Liño e Alarico.

A programación continuará o sábado cun encontro entre Cristina Sánchez-Andrade e Suso de Toro baixo o título “O estilo literario na idade de ouro da trama”, seguido dunha mesa redonda titulada “Pontes e canles: Escrita, tradución e mercado literario”.

⚙ Configurar cookies
0.17735886573792