Allariz impulsa unha recollida solidaria para apoiar ás familias saharauís

O Concello de Allariz continúa a mostrar o seu compromiso coa solidariedade internacional a través do programa “Vacacións en Paz 2025”. Esta iniciativa, que permite a seis nenos e nenas saharauís pasar o verán con catro familias da vila, chega ao seu final e prepara xa o regreso dos pequenos aos campamentos de refuxiados.
Con motivo desta despedida, o municipio puxo en marcha unha campaña de recollida de artigos de primeira necesidade, que serán enviados cos cativos no seu regreso ao Sáhara. Entre os produtos máis demandados destacan o aceite de oliva virxe, empregado tamén como medicamento, ademais de cepillos de dentes, pasta dentífrica, paracetamol e Dalsy.
Xunto con estes bens básicos, tamén se anima á cidadanía a colaborar con pequenos xogos de mesa, co obxectivo de levar ilusión e momentos de entretemento aos campamentos.
Dado que as equipaxes son limitadas, no caso de recoller máis material do permitido, este será canalizado a través da Asociación Sogaps (Solidariedade Galega co Pobo Saharaui), que se encargará de organizalo e envialo posteriormente.
As doazóns poden entregarse nas instalacións dos Servizos Sociais ou na mesa informativa que estará dispoñible no Mercado da Reserva da Biosfera, este sábado 30 de agosto, en horario de 11:00 a 13:30 horas.
Dende o Concello agradeceron de antemán a implicación da veciñanza e subliñaron que “a solidariedade fai de Allariz un pobo máis xusto, unido e comprometido coa defensa dos dereitos humanos”.