Allariz lanza un novo servizo de información municipal a través de WhatsApp

OurenseXa
A veciñanza poderá recibir no seu móbil novas, avisos e eventos culturais de maneira directa, segura e gratuíta
mobil-tecnoloxia
1 Sep 2025

O Concello de Allariz vén de poñer en marcha unha nova canle de comunicación co obxectivo de achegar a información municipal a toda a cidadanía dun xeito áxil e accesible. Trátase dun servizo a través de WhatsApp que permitirá recibir no teléfono móbil novas de interese, axenda cultural, avisos de última hora e alertas relacionadas coa vida local.

A iniciativa, pensada para persoas de todas as idades, garante a privacidade dos usuarios e funciona como unha canle unidireccional: o Concello envía as mensaxes, evitando así dependencia doutras redes sociais ou plataformas externas. “Queremos que toda a veciñanza, desde a xente maior ata a mocidade, teña unha vía sinxela para estar informada en tempo real do que pasa en Allariz”, sinalan desde o consistorio.

A inscrición é gratuíta e pode realizarse a través da ligazón habilitada (bit.ly/3RFovD6) ou ben escaneando o código QR presente nos carteis repartidos polos edificios municipais. Para non perder ningunha comunicación, recoméndase activar a campaíña de notificacións na aplicación.

Con esta ferramenta, o Concello de Allariz busca reforzar a transparencia, fomentar a participación cidadá e manter á veciñanza ao día de todo o que acontece no municipio dun xeito cómodo e directo.

⚙ Configurar cookies
0.21808385848999