Allariz organiza o seu II Encontro Interxeracional co obxectivo de recuperar os xogos tradicionais

O vindeiro mércores 9 de xullo, ás 10:30 horas, a Acearrica de Allariz acollerá o segundo Encontro Interxeracional Xogos e Enredos Tradicionais, unha iniciativa impulsada pola Área de Benestar Social do Concello de Allariz.
Este obradoiro ofrece un espazo compartido entre xeracións para desfrutar e recuperar os xogos de toda a vida. Nenas, nenos e persoas adultas xogarán xuntas, compartindo experiencias e lembranzas co obxectivo de reforzar os lazos comunitarios e manter viva a tradición lúdica.
A proposta conta coa colaboración do Centro Cultural Popular Xaquín Lorenzo, que achegará recursos e saber sobre xogos tradicionais, e de Cruz Vermella Maceda, que participa a través do seu programa de verán para menores.
A actividade está aberta a todas as idades e para participar é necesario inscribirse previamente no Fogar dos Maiores, a través do teléfono 988 554 059 ou do correo electrónico fogardosmaiores@allariz.gal.