Allariz organiza unha festa para conmemorar o Día da Patria Galega

O Concello de Allariz conmemorará o Día da Patria Galega cunha festa popular que se celebrará o mércores 24 de xullo nos Xardíns do Museo do Coiro. A cita comezará ás 21:30 horas cunha cea campestre aberta ao público, que estará amenizada polo Cuarteto Par de Par.
Como é habitual, á medianoite procederase á lectura do bando en homenaxe ao Día de Galiza, nun acto simbólico que marca o inicio da xornada festiva do 25 de xullo.
A música continuará coa actuación da Orquestra Bravú Xangai – Os Saxofóns de Occidente, que pecharán a velada cun concerto que mestura ritmos tradicionais e contemporáneos.
Durante a noite, tamén haberá postos de venda de polbo e churrasco, para que as persoas asistentes poidan gozar dunha cea ao aire libre nun ambiente festivo e reivindicativo.
Desde o Concello convidan á veciñanza e visitantes a participar nesta noite especial, “un encontro para celebrar a cultura, a música e a identidade galega”.