Allariz pon en marcha a campaña de Nadal 2025 “O Peto dos Desexos” para impulsar o comercio local

O Concello de Allariz presentou este venres a nova edición da campaña de Nadal “O Peto dos Desexos 2025”, unha iniciativa xa habitual nestas datas e que busca promover as compras no comercio de proximidade e apoiar a economía local durante a tempada festiva. A acción realízase en colaboración coa hostalaría e o pequeno comercio da vila.
A campaña desenvolverase entre o 5 de decembro de 2025 e o 6 de xaneiro de 2026 e mantén o seu sistema de premios, cun total de 1.000 euros en vales de compra. Repartiranse dous premios de 250 euros e cinco de 100 euros entre todas as persoas que participen.
Para entrar no sorteo, será necesario reunir tíckets de compra por un importe mínimo de 30 euros e depositalos, xunto coa correspondente “Tarxeta dos Desexos”, nalgún dos dous petos instalados no Alto do Portelo e na Alameda. Todas as compras realizadas durante o período da campaña serán válidas para o sorteo, que terá lugar o 9 de xaneiro de 2026 ás 11:30 horas nun acto público no Alto do Portelo.
A alcaldesa, Cristina Cid, e a concelleira de Comercio, María López, resaltaron a importancia de apoiar o comercio local. Ambas lembraron que mercar en Allariz “ten premio”, e sinalaron que apostar polo consumo responsable contribúe a fortalecer o emprego e o tecido económico da vila.
A campaña complétase cunha programación especial de Nadal, a ambientación das rúas e o tradicional concurso de escaparates para o comercio e a hostalaría, elementos que contribuirán a crear un ambiente festivo tanto para a veciñanza como para as persoas que visiten Allariz nestas datas.