Allariz pon en marcha un novo ciclo de educación sexual nos colexios e institutos
Un ano máis, dende a Área de Benestar Social do Concello de Allariz a través da educadora familiar, realizarase un programa de educación sexual co alumnado de 6º de primaria do CEIP Padre Feijóo e cos cursos de 2º e 4º do IES de Allariz.
A finais de xaneiro comezaba este ciclo educativo no que Uxía Fernández, educadora familiar do Concello de Allariz, traballa contidos da disciplina sexolóxica relacionados coa puberdade e a adolescencia.
Ademais, traballaranse contidos relacionados co feito de ser sexuados e sexuadas, e as implicacións que ten para nós e para as relacións que establecemos, é dicir, para a convivencia.
Reflexionarán sobre os cambios nos corpos e nas relacións derivados deste momento biográfico, e conversarán sobre as diferentes ideas que poden aportar cada un e unha para un maior coñecemento para axudar a un mellor entendemento de cousas que nos poden pasar, e que inflúen no mozo/a que estou sendo. Ideas como o feito de ser sexuados e diferentes, as ideas de amizade, do gusto polo outro/a, das ideas de parellas, etc.
Contidos todos eles traballados dende unha actitude comprensiva e de cultivo, entendendo e valorando a diferencia e cultivando así a convivencia, obxectivo final deste tipo de intervencións por parte do Concello.