Allariz pon en marcha unhas xornadas para fomentar a compostaxe doméstica entre a veciñanza

O Concello de Allariz comezou este sábado unha serie de xornadas abertas á veciñanza no Mercado da Reserva para impulsar a compostaxe doméstica entre a veciñanza, como parte do compromiso do Cocnello cun modelo de xestión sostible dos residuos e co avance cara á economía circular.
No enconto, os participantes coñeceron o funcionamento da Rede de Compostaxe de Allariz, os beneficios ambientais desta práctica e o proceso de participación no programa municipal. Durante esta primeira sesión, na que participaron representantes municipais, destacouse o obxectivo de “seguir medrando no reparto de composteiros” e consolidar o interese cidadán por este modelo de aproveitamento dos biorresiduos. As persoas asistentes recibiron material informativo e parte do equipamento necesario para iniciar a compostaxe nos seus fogares. En total, recolléronse 50 caldeiros e 10 composteiros novos, unha cifra que amosa o crecemento do interese veciñal por esta iniciativa.
Nesta fase, centrada na compostaxe doméstica, o Concello dispón de 100 composteiros e 400 caldeiros para repartir entre as persoas interesadas, co fin de facilitar a separación dos restos orgánicos e fomentar o aproveitamento responsable dos residuos biodegradables.
As próximas xornadas informativas e de entrega de material desenvolveranse os sábados 18 e 25 de outubro en diferentes puntos do municipio, e todos os martes do mes tamén se poderán recoller composteiros e caldeiros na Praza Maior, entre as 11:00 e as 13:00 horas.
Ademais, os grandes produtores recibirán colectores adaptados ás súas necesidades, con sistemas de chave e pedal para facilitar o seu uso.
Durante estas sesións, o persoal técnico ofrecerá asesoramento e resolverá dúbidas sobre o proceso de compostaxe, a separación dos residuos e o uso correcto dos composteiros.
Con esta iniciativa, o Concello de Allariz reforza o seu compromiso coa transición ecolóxica, a educación ambiental e a implicación da veciñanza na construción dun concello máis sostible e respectuoso co medio. As actuacións están cofinanciadas pola Xunta de Galicia e pola Unión Europea a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.