Allariz prepara un mes agosto repleto de cultura, tradición e deporte

O mes de agosto chega a Allariz cunha ampla e variada programación cultural que encherá as rúas da vila de música, teatro, deporte, tradición e festa. A veciñanza e visitantes poderán gozar de múltiples actividades durante todo o mes, pensadas para todas as idades e gustos.
A programación arrinca o sábado 2 coa Fornada no Mato coa agrupación De Pé Feito e os Cantos de Taberna Xolda. O venres 8 será a quenda do espectáculo 'Rogelio 3.La Fête'.
As XL Xornadas de Folclore, que terán lugar o mércores 13 pola noite, converteranse nun dos pratos fortes deste verán, achegando sons e danzas de diferentes culturas. A fin de semana do 16 estará marcada polo Campionato de Billarda na súa categoría sénior e un Roteiro Cultural para coñecer mellor a historia e patrimonio da vila.
O día 21 será a quenda dos máis pequenos, co Campionato Infantil de Billarda, mentres que do 22 ao 24 celébrase unha das citas gastronómicas máis destacadas: a tradicional Festa da Empanada. O venres 22 terá lugar o espectáculo teatral 'Punto en Boca' e concerto de Budiño e Branca Vela.
O sábado 23 chegará a XXXIII edición do Tríatlon Vila de Allariz, seguido do concerto da Orquestra Neverloura e unha sesión DJ para pechar a noite. O domingo 24 continuará a actividade coa XXXV Regata de Piragüismo, puntuable para a Copa Deputación, e o concerto de Os D’Abaixo co espectáculo 'Somos a Pedra'.
Finalmente, o domingo 31 o mes pecharase co Festival Internacional de Curtas de Comedia (RIR), que traerá á vila unha selección de pezas audiovisuais para rematar agosto con humor.